Vilalba incorpora cinco novos vehículos para a mellora do servizo de recollida de lixo e limpeza

O Concello de Vilalba conta con cinco novos vehículos para mellorar o servizo de recollida de lixo e limpeza viaria. O novo contrato de recollida e limpeza, que entrou en vigor a principios de ano, contempla a adquisición de 11 vehículos (cinco para a recollida de residuos e seis para a limpeza viaria), ademais da renovación da totalidade dos colectores e papeleiras.
Na presentación dos cinco primeiros vehículos, estiveron a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; o concelleiro de Servizos, Eduardo Vidal; o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, e representantes da empresa FCC e a UTE Vilalba Limpo.
“Hoxe damos un paso importante na posta en marcha do novo contrato de recollida e limpeza, cunha aposta clara pola nosa parte para mellorar o servizo tanto no casco urbano como nas parroquias, adaptándoo a realidade actual de Vilalba e dando resposta ás demandas veciñais”, asegura a alcaldesa, Marta Rouco.
Xa forman parte do servizo dous camións co sistema de recollida de carga traseira, cunha elevada maniobrabilidade e elevada carga específica, especialmente pensados para a recollida de residuos na zona rural.
O seu tamaño permite acceder a toda a rede de camiños municipal, facendo máis áxil o servizo de recollida.
Os outros tres vehículos son para a limpeza viaria. Por unha parte, unha barredora de beirarrúas de alta capacidade, o modelo máis recente do mercado, equipada con terceiro cepillo, insonorizada e con sistema de recirculación de aforro de auga.
A varredora ten o tamaño máis adecuado para o entramado viario de Vilalba, permitindo que traballe sobre beirarrúas e zonas peonís. Conta cunha elevada capacidade de aspiración para o varrido de residuos en eventos.
Presentouse tamén un furgón hidrolimpador con auga quente de alta presión que permite facer limpezas localizadas de forma autónoma, eliminando a porcallada incrustada e as manchas, e unha furgoneta de inspección eléctrica para facer labores e seguimento de vixilancia do servizo.
A totalidade dos vehículos incorporan as últimas tecnoloxías do sector en aspectos como emisións, ruídos, ergonomía e eficiencia xeral, adquiríndose tamén vehículos cero emisións.
A compra dos cinco vehículos supuxo un investimento de 513.624 euros, que está englobada dentro dun investimento total de 2.124.371 euros, unha vez estean incorporados todos os vehículos, a maquinaria auxiliar, colectores e papeleiras.
A nova contenerización se está incorporando de forma gradual no casco urbano, onde se poden atopar xa os novos colectores de carga lateral para a fracción resto e envases. Continuarase en próximas datas incorporando colectores de carga lateral do resto de fraccións, vidro e papel-cartón.
En próximas datas continuarase co cambio de colectores no ámbito rural, tanto no que corresponde á fracción resto como as recollidas selectivas.
Tamén é escalonada a incorporación das novas papeleiras, que se completará nos próximos meses.