Vilalba inicia hoxe as súas fins de semana de degustacións de Entroido
A alcaldesa Elba Veleiro e o Concelleiro de Turismo e Comercio, Modesto Renda, presentaron as liñas mestras do que será a I Edición do Entroido Gastronómico de Vilalba, unha iniciativa do Concello de Vilalba na que bares, restaurantes e establecementos hotaleiros con servizo de cociña uníronse para ofercer unha proposta conxunta de menús degustación, pratos especiais a incluír en carta e cocidos por encargo, cunha ruta de tapas e pinchos, onde os produtos típicos do entroido galego son os auténticos protagonistas.
21 establecementos de vila e parroquias, repartidos segundo a modalidade de participación escollida, darán (todos os venres, sábados e domingos do 7 ao 22 de Febreiro) o mellor de si, a fin de sorprender a clientela e visitantes, ao tempo que poñen en valor dende os tradicionais cocido de entroido, lacón con grelos, caldo, cachucha, botelo e androlla, ata as saborosas filloas, orellas, rosquillas de anís e leite frito, no tocante a sobremesas.
Así mesmo, e seguindo a estratexia de potenciación dos seus produtos típicos, o Concello delimitou nas pertinentes bases a posibilidade de inclusión de produtos tales como o Queixo de San Simón, o mel da Serra da Carba ou Roscón de Vilalba, entre outros.
Ademais, e co fin de involucrar a aqueles establecementos que non dispoñen de cociña (bares enfocados á coctelería etc..) esta I Edición do Entroido Gastronómico de Vilalba inclúe tamén unha interesante oferta de combinados orixinais especificamente deseñados para a ocasión.
“Os recentes datos recollidos polo Instituto de Estudos Turísticos (IET), relativos ao aumento en máis do 30% do Turismo Gastronómico,, falan ás claras dunha necesidade/oportunidade que xa souberon ver outros Concellos e cidades, isto é: a de impulsar un novo produto turístico, a gastronomía, coma valor diferencial, coma elemento de cultura e patrimonio inmaterial”, apuntou a este respecto o Concelleiro de Turismo e Comercio Modesto Renda, quen remarcou que Vilalba ten “a materia prima, os establecementos e a capacidade de esforzo colectivo para se converter nun referente neste ámbito.”
Na mesma liña se pronunciou a Alcaldesa, Elba Veleiro, contextualizando o éxito da “I Edición do Vilalba de Tapas” coma unha “boa mostra da implicación de visitantes e veciñanza coa nosa gastronomía.”
“Esta nova iniciativa do Concello de Vilalba pretende aproveitar esta oportunidade vinculando á hostalería de vila e parroquias no obxectivo, asumido polo equipo de Goberno Municipal, de situar Vilalba no mapa do turismo gastronómico en Galicia”, remarcou.
A este respecto, o Concello entregaralle aos establecementos participantes, tanto carteis oficiais da iniciativa, coma específicos en base á oferta de cada un dos mesmos. Ademais, editará unha revista especial de promoción, onde figurará toda a información da oferta, establecementos participantes, fotos, así coma un mapa/roteiro da iniciativa.
A idea é que estea presente e visible ao público na barra de todos os establecementos participantes, así coma na Casa da Cultura, na Oficina Municipal de Turismo e naqueles establecementos hoteleiros/albergues do Concello e dos Concellos da Contorna.
Os participantes divídense em varios grupos. Na categoría de menús degustación e/ou pratos especiais a incluír en carta figuran Casa do Rouco, Restaurante Montero, Restaurante Lembranzas, Restaurante O Naseiro, Pizzería Americans e Xoldra.
En cocidos por encargo están Mesón do Campo, Parador, Hotel Terra Chá, Restaurante A Madalena, Restaurante Lanzós e Bar Cascudo.
Dentro da rutas das tapas están Xoldra, A Casa do Lobo, Lembranzas, O Porrón, Mesón do Cambo, Alborada, Stama, Oasis, O Porrás e Luar.
Na categoría de combinados de entroido están 80/20 Cocktail Lounge e Topaz.
Os menús, cocidos por encargo así coma a oferta de combinados adecuaranse aos habituais de cociña e barra de cada un dos establecementos participantes. No tocante ás tapas e pinchos especiais, o horario será unificado: de 13:00-15:00 e de 20:00-23:00h.