Vilalba inicia o próximo domingo un ciclo de bailes no centro cultural

TerraChaXa
A cita é a primeira que o Concello desenvolverá ao longo do ano e estará amenizada polo dúo Estrellas
baile-domingo-vilalba
5 Jan 2025

A alcaldesa e concelleira de Servizos Sociais de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo presentaron o baile que o Concello de Vilalba celebrará o vindeiro domingo, 12 de xaneiro, no Centro Cultural.

Logo do éxito dos bailes de Nadal, que reuniron a máis de 100 persoas no Centro Cultural de Vilalba, a alcaldesa, Marta Rouco, comprometeuse a organizar este tipo de citas con carácter mensual, de tal forma que o baile do domingo 12 de xaneiro será o primeiro deste novo ciclo.

“Cremos que este tipo de eventos son fundamentais para dinamizar o noso municipio e para brindarlle ás persoas máis maiores unha oportunidade de socializar, pasar unha tarde divertida e manterse activos”, explicou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.

Nesa liña, a través da Concellería de Servizos Sociais, o Concello de Vilalba organiza o baile do domingo 12 de xaneiro no Centro Cultural, que estará amenizado polo dúo Estrellas e que se desenvolverá dende as 17:00 horas ata as 20:00.

“Nas vindeiras datas iremos anunciando as seguintes citas, que terán un carácter mensual e nas que intentaremos contar con diferentes agrupacións musicais para animar aos asistentes”, sinalou Rouco, ao tempo que aproveitou para “animar a todos os veciños e veciñas, de todas as idades, a que se acheguen o domingo día 12 ao Centro Cultural para gozar dunha xornada de música, baile e, se non se animan a bailar, xogos de mesa e conversas cos veciños e veciñas”.

0.16232895851135