Haberá un punto violeta na Xira Campestre da Madalena para previr a violencia sexual

TerraChaXa
O espazo funcionará o 22 e 23 de agosto e ofrecerá información, asesoramento e atención en casos de posibles agresións
Punto-Violeta-Vilalba
14 Aug 2025

A alcaldesa de Vilalba e concelleira de Igualdade, Marta Rouco, anunciou a posta en marcha dun punto violeta na Xira Campestre da Madalena co obxectivo de promover a concienciación e a prevención fronte á violencia sexual durante as festas patronais.

O dispositivo estará operativo o venres 22 de agosto, de 23:00 a 3:00 horas, e o sábado 23 de agosto, de 22:00 a 4:00 horas, situándose nunha das marxes da explanada da Madalena, tal e como xa se fixera en anos anteriores.

O punto será atendido por profesionais especializados en violencia de xénero e violencia sexual, que ofrecerán información e asesoramento a todas as persoas que se acheguen. Ademais de material informativo, repartirase unha serie de agasallos para fomentar a participación e apoiar a mensaxe contra a violencia sexual.

A iniciativa tamén contará cun espazo seguro ao que poderán acudir aquelas persoas que desexen comunicar posibles agresións sexistas, activando o protocolo establecido para este tipo de casos.

A rexedora vilalbesa destacou que “en Vilalba queremos que as nosas festas sexan un espazo seguro para todas e todos. O punto violeta permite que calquera persoa que o precise poida recibir información, apoio e denunciar situacións de acoso ou violencia sexual. É unha ferramenta fundamental para reforzar a prevención e a concienciación na nosa comunidade”.

Rouco subliñou tamén que “este tipo de accións forman parte do compromiso do Concello por garantir unhas festas seguras e inclusivas, fomentando a participación activa da cidadanía na prevención da violencia de xénero e sexual”.

⚙ Configurar cookies
0.30864691734314