Vilalba inviste 300.000 euros en pavimentación en 17 vías de parroquias
O Concello de Vilalba saca a licitación unhas obras para a pavimentación, rexeneración e sinalización de varias vías de titularidade municipal nas parroquias de Román, Rioaveso, Nete, Ladra, Xoibán, Insua, Alba e A Torre.
En concreto, os viais están en Fontemarín e O Pedrouzo (Román); Casasnovas, Gradela e da LU-120 á LU-P-6514 (Rioaveso); Reboredo (Nete); Vieiros e Granxa (Ladra); Cadavas e A Granda (Xoibán); Rebordaos (Insua); Carralmaior, O Iglesario, Amarigo, Casasnovas e Penelas (Alba), e Marcelle (A Torre).
O investimento será de 309.000 euros nuns viais que dan acceso a núcleos e barrios, cunha importancia fundamental para a circulación de vehículos lixeiros, pesados e maquinaria de todo tipo en dirección ás vivendas, explotacións agrogandeiras e parcelas agrícolas ou forestais.
O continuo uso ó que se ven sometidos estes viais, así como as condicións climatolóxicas e o paso do tempo provocan que os noiros das estradas se saturen de terra vexetal, perdendo a súa forma e uso. Isto provoca que as augas pluviais non se evacúen da plataforma da estrada, xerando danos sobre a capa de rodadura que se incrementan polo desgaste sufrido a consecuencia do paso de vehículos.
“Os traballos forman parte dun investimento conxunto de 800.000 euros que se destinará ás parroquias de Vilalba nos próximos meses para actuacións de mellora do pavimento dos viais, dando resposta ademais ás demandas veciñais”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.
VILALBA ABERTA
O voceiro de Vilalba Aberta, Modeste Renda felicitouse pola saída a licitación da renovación dos primeiros accesos e vías nas parroquias, froito do último acordo entre o Goberno e VA. Un desbloqueo “máis que fundamental en materia de investimentos” en palabras do voceiro da formación, Modesto Renda, quen lembrou que, sen este acordo “o Concello non tería apenas marxe para executar” (as contas continúan prorrogadas dende o último ano do PP) o que se traduciría nun “ano perdido para o rural.”
Renda, que puxo en valor o modelo de oposición “seria e en positivo” de Vilalba Aberta, mostrouse especialmente satisfeito por un desbloqueo, dende hai meses, perseguido pola formación municipalista. “En Xullo arrincamos un traballado acordo e hoxe comeza a dar resultados. Agora é o intre de cumprir coas parroquias que faltan e o goberno local ten a nosa proposta sobre a mesa”, explicou.
O investimento será de 309.000 euros nuns viais que dan acceso a núcleos e barrios, cunha importancia fundamental para a circulación de vehículos lixeiros, pesados e maquinaria de todo tipo en dirección ás vivendas, explotacións agrogandeiras e parcelas agrícolas ou forestais.