Vilalba leva a Pleno o proxecto de obra do futuro PAI
O salón de plenos do Concello de Vilalba acollerá mañá ás 9.00 horas un pleno extraordinario no que se abordarán tres temas de gran relevancia. Entre eles, estará a aprobación do proxecto de obra para o acondicionamento do local destinado ao futuro Punto de Atención á Infancia co que contarán as familias da localidade.
A rexedora, Marta Rouco, sinalou ao respecto que "damos un paso máis para acadar o noso obxectivo de poder ofrecer no vindeiro curso máis prazas para a atención da primeira infancia e para que, deste xeito, as familias vilalbesas conten coas máximas posibilidades de conciliación".
Nesa liña, o goberno local presentará a todos os grupos da corporación o estudo técnico das obras de reforma que serán necesarias para acondicionar un dos locais do edificio da praza de abastos ás esixencias normativas para convertelo en Punto de Atención á Infancia.
En primeiro lugar, o proxecto contempla o derrube dalgúns elementos exteriores e de todos os elementos de distribución interior cos que conta actualmente o local. Posteriormente, levaranse a cabo diversas actuacións na fachada entre as que se atopan a apertura de novos ocos e a colocación de envolvente para cumprir os requisitos técnicos e normativos.
Pola súa banda, as obras tamén incluirán a colocación de tabiquería lixeira e a habilitación dunha nova zona de acceso que se completará coa nova distribución do espazo interior, de tipo aberto e diáfano. Nese sentido, o local contará con cinco zonas diferenciadas, tal e como establece a normativa vixente: unha zona de gateo, outra de descanso, unha zona de hixiene, aseos e un espazo de preparación de alimentos dotado cos electrodomésticos básicos.
Finalmente, no referido ao proxecto de obra, tamén se contempla a adecuada instalación do sistema de protección contra incendios, de protección á exposición do radon, do sistema de ventilación, de aforro enerxético e do sistema de xestión de residuos, entre outros.
En definitiva, o estudo técnico "está deseñado para obter as autorizacións, licenzas e permisos pertinentes para acondicionar o local e para poder sacar a licitación a súa reforma" explicou a alcaldesa, Marta Rouco, quen ademais lembrou que "o PAI é un espazo no que se ofrecerá a arredor de 20 familias coidados, atención e ensinanzas para as súas crianzas coa finalidade de contribuír ao seu desenvolvemento físico, afectivo, social e intelectual".