Vilalba levará a cabo un proxecto para establecer un sistema de sombra na avenida Terra Chá

A concellería de Infraestruturas Urbanas de Vilalba traballa nun novo proxecto de mellora da accesibilidade e adecuación do espazo público no casco urbano.
En concreto, o proxecto céntrase na integración dun sistema de sombra na avenida da Terra Chá que estará composto por plataformas elevadas nas que se plantarán especies arbóreas autóctonas e nas que tamén se instalarán bancos.
Desta forma, a Concellería de Infraestruturas Urbanas busca “mellorar a accesibilidade dunha das avenidas estruturais do noso casco urbano, na que hai un número moi relevante de residentes e que é frecuentemente empregada por maiores e crianzas” explicou o concelleiro de Infraestruturas Urbanas de Vilalba, Luis Fernández.
Nesa liña, considérase estratéxica a ampliación dos espazos naturais de sombra da avenida da Terra Chá, así como a dotación de bancos e zonas de descanso ao longo da rúa xa que na actualidade “conta con tramos de varios centos de metros, incluso con pendente medias, sen ningún tipo de espazo de descanso á sombra, o que xera grandes barreiras de accesibilidade a moitos usuarios”.
Unha situación que se solucionará mediante unha serie de actuacións que incluirán: o recorte do pavimento existente e a apertura de sobreiras, a colocación dun sistema de recollida de auga, a colocación dun muro perimetral de suxeición en cada plataforma, a creación de zonas elevadas con céspede, o recheo con terra, a plantación de pereiras silvestres e a colocación de asentos de madeira sobre a superficie central das plataformas.
“O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 45.888 euros dos cales o 80% será subvencionado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a través dunha liña de axudas de concorrencia non competitiva á que presentamos o proxecto en tempo e forma para poder conseguilo”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Así, nas vindeiras datas “adxudicaranse as obras, que terán un tempo de execución aproximado de 4 meses e medio” sinalou a rexedora de Vilalba, ao tempo que salientou “a constante aposta do goberno local pola mellora da accesibilidade, a funcionalidade e a estética das rúas do noso casco urbano, que confirmamos con este proxecto que se suma a outros como a renovación da rúa Benxamín Paz ou do tramo bidireccional da rúa Guitiriz”, concluíu Rouco.