Vilalba licita as obras de renovación da rúa das Pedreiras
O Concello de Vilalba sacou esta semana a licitación tres obras cun orzamento conxunto de 395.000 euros para a renovación da rede dos servizos básicos da rúa das Pedreiras, a rexeneración do vial que comunica as parroquias de Samarugo e Corvelle, e a renovación do vial que da acceso ó núcleo de Outeiro e á igrexa de Belesar, na parroquia de San Martiño de Belesar.
As obras na rúa das Pedreiras, cun orzamento de 269.000 euros, suporán unha actuación integral que servirá ademais para mellorar a vida dos veciños e veciñas, xa que aumentará de forma considerable a superficie peonil.
En concreto, as obras serán no tramo oeste da rúa, onde o concello fará unha nova rede de abastecemento, un sistema de saneamento separativo (pluviais e fecais) e seccións soterradas para as redes de telecomunicacións e electricidade/gas existentes na rúa.
“É un proxecto integral feito baixo criterios de sustentablidade, calidade urbana, accesibilidade, seguranza e mellora ambiental, adoitando os últimos estándares europeos para os novos espazos urbanos”, asegura Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.
Por último, a rúa das Pedreiras incorporará tecnoloxía LED de baixo consumo e novo mobiliario, habilitando un espazo de lecer e descanso para os veciños e veciñas de Vilalba.
A segunda obra, licitada por 57.000 euros, é unha actuación na estrada de titularidade municipal que comunica a zona sur da parroquia de Samarugo coa estrada provincial LU-P-6505, en Corvelle.
O tramo ten un percorrido lonxitudinal de 3.155 metros e un ancho medio de 3,80 metros. A actuación inclúe ademais darlle unha solución aos problemas de drenaxe existentes en dous puntos de vias municipais de Corvelle.
Por último, o concello licita por 69.000 euros os traballos de renovación do firme e acondicionamento do vial que da acceso ó núcleo de Outeiro e á igrexa de Belesar, na parroquia de San Martiño de Belesar.
Concretamente, os traballlos realizaranse na vía de titularidade municipal que comenza na estrada provincial LU-P-6511, no núcleo de Aldea, e que discorre en dirección sureste pola parroquia de Belesar ata o núcleo de Outeiro, onde continúa ata a igrexa de Belesar na que finaliza a actuación prevista polo Concello.