Vilalba logra o terceiro posto no Campionato Galego cadete de loitas olímpicas

TerraChaXa
As 3 medallas axudaron a que o club de Vilalba acadese o 3º posto por equipos na categoría cadete de Libre Olímpica.
cadetes loitas olimpicas vilalba
9 Maio 2023

O Club de Loita de Vilalba participou esta fin de semana nos Campionatos Galegos que tiveron lugar no pavillón do CGTD de Pontevedra.

Na categoría cadete destacaron os ouros de Kevín Cuba en menos de 110 kg e de Boris Reshetniak (alumno do adestrador ucraniano Arkadi Ilimetov) en menos de 65 kg e o bronce de Xiao Seoane tamén na categoría de menos de 65 kg. As 3 medallas axudaron a que o club acadese o 3º posto por equipos na categoría cadete de Libre Olímpica.

Kevín e Boris confirman o seu bo estado de forma ao non perder ningún enfrontamento durante a tempada e gañar todos os campionatos nos que loitaron.

Na categoría sénior destaca o ouro de José Cuba que domiñou en menos de 125 kg. Jose Luis Puentes loitou en menos de 97 kg acadando un 5º posto. Nesta última categoría hai que salientar o ouro de Martín Vázquez do Rábade que dominou todos os enfrontamentos gañando o pase para os Campionatos de España.

A seguinte cita para os sénior serán os próximos Campionatos de España sénior que terán lugar na localidade murciana de San Javier na que acompañando a Cuba tamén loitará por Vilalba Catriel Pehuén Muriel que este sábado tamén acaba de gañar o bronce en 125 kg nos Campionatos Panamericanos que se están a celebrar en Buenos Aires. Catriel, que loita por Arxentina, o seu país natal, instalouse esta tempada en Vilalba despois de 6 anos adestrando en Daghestán (Rusia) co obxectivo de levar a cabo parte da súa preparación para a clasificación olímpica. En Murcia tamén loitará Martín Vázquez (Loita Rábade) en menos de 92 kg.

0.089433193206787