Vilalba mellora 15 quilómetros de pistas no rural grazas á colaboración coa Deputación

TerraChaXa
A institución provincial investiu máis de 400.000 euros para levar a cabo estas actuacións
vilalba-maquinas-deputacion
8 Aug 2025

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, fixo este xoves un balance positivo das melloras realizadas na rede viaria municipal que permitiron renovar preto de 15 quilómetros de pistas do rural grazas ao acordo de colaboración coa Deputación de Lugo, presidida por José Tomé.

Dende maio, o Concello contou con dous equipos móbiles da Deputación: un encargado da rexeneración do firme, que traballou nas pistas máis deterioradas, e outro dedicado á apertura e limpeza de cunetas, unha tarefa clave para garantir a durabilidade das obras e previr problemas no inverno.

“A colaboración coa Deputación foi fundamental para sacar adiante estas melloras nun prazo razoable e sen custo directo para as arcas municipais. Se o Concello tivera que asumir estes traballos a través dunha empresa privada, o investimento necesario superaría os 400.000 euros”, explicou a alcaldesa Marta Rouco.

Actuouse nunha quincena de pistas municipais situadas en varias parroquias do rural, que se atopaban en mal estado e que son utilizadas a diario polos veciños. Estas obras reforzan o compromiso do goberno local coa seguridade viaria, a igualdade territorial e a atención ao medio rural.

“Vilalba conta cunha das redes viarias municipais máis extensas da provincia, polo que sumar recursos e colaboración institucional é esencial para atender as necesidades do rural. Este tipo de acordos permítennos avanzar máis rápido e con maior eficiencia”, engadiu Marta Rouco.

⚙ Configurar cookies
0.1839702129364