Vilalba mellora a eficiencia enerxética do pavillón do CEIP Insua Bermúdez coa renovación da iluminación LED

O Concello de Vilalba completou a renovación da iluminación do pavillón do CEIP Insua Bermúdez coa instalación de 21 novos focos LED, que substitúen por completo o antigo sistema de iluminación. A intervención supón un aumento do 45% no grao de iluminación e unha redución do 50% no consumo enerxético, apostando por un modelo máis eficiente e sostible.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salientou que “este tipo de actuacións son un exemplo do compromiso do goberno local coa mellora continua das instalacións deportivas e educativas, garantindo espazos modernos e en mellores condicións para quen os utiliza cada día”.
A mellora responde ás demandas da comunidade educativa do CEIP Insua Bermúdez e das entidades deportivas que fan uso habitual do pavillón para adestramentos e actividades semanais.
Esta actuación súmase ás intervencións recentes nos vestiarios do mesmo pavillón, onde se renovaron a cuberta e a fachada e se substituíron os termos de auga quente por unha bomba de calor con sistema de aerotermia. Esta mellora multiplicou por cinco a capacidade de auga quente, pasando de 200 a 1.000 litros.
Rouco subliñou que “estas melloras son o reflexo dunha xestión baseada na planificación e na resposta ás necesidades reais das persoas usuarias das instalacións municipais”.
A iniciativa enmárcase no plan de mantemento e modernización das instalacións deportivas municipais, que inclúe tamén actuacións como o cambio de pista e a instalación de iluminación LED no pavillón do CEIP Mato Vizoso, así como a colocación de novas canastras con sistema de elevación automática no mesmo recinto.
Con estas medidas, o goberno local continúa avanzando na posta a punto das infraestruturas deportivas de Vilalba, garantindo que todos os espazos públicos conten con condicións óptimas para o seu uso diario.