Vilalba modificará o réxime sancionador para aqueles que non limpen os solares
O concello espera non ter que aplicar as sancións e lembra a importancia de manter limpas as parcelas por motivos de seguridade e salubridade.
O Concello de Vilalba levará a pleno a modificación do réxime sancionador para os propietarios de solares, parcelas e leiras que non procedan a súa limpeza.
O concello lembra a importancia de manter limpas as parcelas por motivos de seguridade e salubridade, moito máis nas épocas do ano de alto risco de incendio, e espera non ter que aplicar as sancións.
Con esta modificación, establecerase unha sanción de 200 euros co primeiro requerimento ao propietario, 400 euros co segundo e 800 euros co terceiro.
Ademais, o concello aplicará multas coercitivas de 25 euros diarios por día de incumprimento, dende a data da comprobación da non limpeza do solar.
A semana pasada, a través dun aviso do concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Medio Ambiente e Espazos Naturais de Vilalba, Luis Fernández, o concello lembrou que tal e como recolle a Lei 2/2016 de 10 de febreiro do Solo de Galicia, no seu artigo 135, será obriga dos propietarios “de toda clase de terreos, construccións, edificios e instalacións, entre outras, conservalos nas condicións legais para servir de soporte a ditos usos e, en todo caso en condicións de seguridade, accesibilidade universal e ornato legalmente esixible”.
No mesmo sentido, e de conformidade coa Ordenanza Xeral 25 de Protección de Medio Ambiente Urbano que regula a limpeza de solares no seu artigo 40.1, “os propietarios das leiras, vivendas e establecementos, están obrigados a manter en constante estado de limpeza as diferentes partes dos inmobles que sexan visibles dende a vía pública, de tal xeito que se consiga unha uniformidade na súa estética, acorde co seu contorno maila normativa vixente de aplicación”.
Por todo isto, o Concello insta aos propietarios de solares e parcelas a que realicen a súa limpeza e mantemento en condicións de seguridade, salubridade e ornato público.
O concello prega a colaboración de todos os cidadáns para o adecuado coidado do medio ambiente.