Vilalba organiza o I Torneo San Ramón 3x3 para fomentar o deporte nas festas patronais

TerraChaXa
A competición celebrarase do 20 ao 22 de agosto na área recreativa da Madalena e contará con categorías mixta e feminina
Torneo-3x3-San-Ramon-Vilalba-2025
12 Aug 2025

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de deportes, Paula Vigo, presentaron o I Torneo San Ramón 3x3 do Concello de Vilalba, unha nova iniciativa deportiva que se celebrará do 20 ao 22 de agosto na pista de 3x3 da área recreativa da Madalena.

A competición, destinada a persoas maiores de 16 anos, inclúe dúas categorías, mixta e feminina, co obxectivo de impulsar a práctica deportiva e promover espazos de encontro durante as festas patronais.

A inscrición para o torneo é gratuíta e permanecerá aberta ata as 12:00 horas do xoves 14 de agosto, podendo formalizarse a través da Sede Electrónica do Concello ou no Rexistro Xeral. Cada equipo debe estar formado por entre 3 e 4 xogadores, e será necesario cumprir co requisito de presentar autorización e cesión de imaxe no caso de menores de idade.

O torneo precisará un mínimo de 8 equipos por categoría para celebrarse, cun máximo de 16 inscritos, e incluirá unha fase previa de round robin e unha fase eliminatoria final. Haberá premios para os equipos campións, subcampións e terceiros clasificados en ambas categorías, co fin de recoñecer o esforzo e fomentar a participación.

Marta Rouco destacou que con esta primeira edición do torneo o Concello busca ofrecer unha proposta deportiva atractiva dentro do programa festivo, que anime á mocidade a practicar deporte ao aire libre nun entorno privilexiado como a Madalena.

⚙ Configurar cookies
0.16634392738342