Vilalba organiza unha carreira virtual con motivo das Letras Galegas
O Concello de Vilalba organiza a XI Carreira das Letras Galegas, do 3 ao 13 de maio, que se celebrará de xeito individual e virtual dado o contexto sanitario actual.
Na proba deste ano, as persoas participantes deberán completar o roteiro deseñado pola organización da categoría na que se inscriban e rexistrar o seu resultado. As probas poderán realizarse tantas veces como se considere entre as citadas datas, do 3 ao 13 de maio.
“Esta cita é xa tradicional, unha iniciativa que nos permite xuntar cultura e deporte, impulsando así os hábitos saudables cunha proposta nesta ocasión adaptada á situación epidemiolóxica”, afirma Xosé Teixeiro, concelleiro de Deportes de Vilalba.
O concello propuxo 5 roteiros distintos para as distintas categorías. En primeiro lugar, a categoría +7, abarca ós nados entre 2014 e 2012, que percorrerán 500 metros. A continuación, na categoría +10, os nados entre 2011 e 2009 enfrontaranse a un percorrido de 1.200 metros.
Os participantes nados entre 2008 e 2004 percorrerán 2.300 metros. Todas as categorías contemplan clasificación masculina e femenina.
As persoas nadas en 2003 e anos anteriores poderán optar entre a andaina de 3 quilómetros, cunha clasificación mixta; ou a categoría absoluta, enfrontándose a 5 quilómetros de percorrido e cunha clasificación separada por sexos.
As inscricións serán gratuitas para todas as categorías e poderán realizarse a través da web championchipnorte.com
Os participantes deberán medir a súa actividade cos dispositivos habituais, como GPS, apps móviles ou cronómetros. Posteriormente deberán proceder ao rexistro da actividade manualmente, conectando a súa conta de Strava automaticamente ou procesando un ficheiro de tipo GPX ou TCX. Os diferentes roteiros discorren polo paseo fluvial da Madalena, o paseo dos Soños e a súa contorna.
Todos os participantes correctamente inscritos que completen as probas desta actividade entrarán no sorteo de 4 vales para canxear por obras literarias en lingua galega nas librerías locais. Os catro bonos de 50 euros sortearanse entre todos os participantes, homes e mulleres, das seguintes categorías: +7 anos, +10 anos, +13 anos e, por último, na categoría a partir do ano 2003, que agrupa a andaina e absoluta.