Vilalba organizará diversas actividades para conmemorar o 25 de novembro

TerraChaXa
“O propio 25 de novembro desenvolveremos unha acción de rúa cuxo obxectivo será dar visibilidade a violencia de xénero sufrida polas mulleres”, sostivo a alcaldesa, Marta Rouco
actividades-25N-2024-Vilalba
14 Nov 2024

A alcaldesa de Vilalba e concelleira de Igualdade, Marta Rouco, presentou o programa de actividades que levará a cabo o Concello de Vilalba para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller.

As actividades desenvolveranse a partir do 19 de novembro, cando darán comezo os obradoiros 'A beleza está na túa cabeza', un ciclo de xornadas didácticas para reflexionar sobre a violencia estética que levará a cabo a axente de igualdade do Concello de Vilalba nos centros de educación primaria e secundaria vilalbeses.

“Trátanse de obradoiros nos que se mesturará o contido informativo cunha aplicación práctica e creativa a través de collage e fanzine”, explicou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, que adiantou que “o propio 25 de novembro desenvolveremos unha acción de rúa cuxo obxectivo será dar visibilidade a violencia de xénero sufrida polas mulleres”.

Nesa liña, a Concellería de Igualdade levará a cabo unha acción de rúa no palco da Praza da Constitución de 10.00 a 13.00 horas o luns 25 de novembro. Así, a praza converterase nun espazo no que as mulleres poderán participar pendurando nun tendal simbólico aquelas situación de violencia que viviran polo feito de ser muller.

“Ademais de participar de forma activa, as mulleres tamén poderán verse reflectidas entre as violencias que outras participantes deixaran penduradas”, sinalou Marta Rouco, quen animou a todas as mulleres a participar para crear un espazo de reflexión e visibilidade da violencia contra a muller.

Pola súa banda, tamén o luns 25 de novembro, o alumnado do IES Lois Peña Novo participará nunha charla informativa enfocada á violencia sexual, unha actividade concedida pola Consellería de Política Social e Igualdade a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero.

“Tampouco nos esqueceremos da visibilidade nas redes sociais, para o que xa estamos traballando na gravación dun vídeo no que se reproducen prexuízos sociais que escoitamos cada vez que un caso de violencia sexual salta á palestra”, salientou Rouco.

Por iso, farase un vídeo protagonizado por caras visibles da vila baixo o lema 'Muda o foco', no que se convida aos vilalbeses e vilalbesas a cuestionar os actos daqueles que perpetran a violencia contra as mulleres e non o relato das vítimas. A gravación poderá verse nas redes sociais do Concello de Vilalba o mesmo 25 de novembro.

Finalmente, o programa de actividades rematará o martes 26 de novembro co conta contos 'Medrar libres e iguais', que se ofrecerá ao alumnado da Escola Infantil Municipal co obxectivo de “ofrecer unha programación ampla que chegue a todas as xeracións”, sinalou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

0.19146108627319