Vilalba prepárase para o Entroido

TerraChaXa
O Concello de Vilalba xa ten listas as bases de participación no Entroido 2022, no que recupera o tradicional desfile de disfraces
cartal vilalba entroido 2022 portada
29 Xan 2022

O Concello de Vilalba xa ten listas as bases de participación no Entroido 2022, no que recupera o tradicional desfile de disfraces e comparsas tras o parón obrigado pola pandemia o ano pasado.

 As persoas e comparsas participantes farán un desfile pola vila o martes 1 de marzo a partir das 17.00 horas, con saída da rúa Castelao, o lado da estación de autobuses de Vilalba, para pasar despois por Campo de Puente, rúa da Pravia e rematar na praza da Constitución. 

Poden participar e optar aos premios e axudas, ademais dos particulares e parellas, calquera asociación ou entidade legalmente constituída, así como os “grupos ocasionais” que cumpran as condicións establecidas nestas bases.

 Haberá premios para as mellores comparsas Infantil e xuvenil (de 0 a 14 anos) e para as mellores comparsas de Adultos (a partir de 15 anos) e Mixtas (adultos e nenos). Na categoría individual e por parellas, para Infantil e Xuvenil (0 a 14 anos) e Adultos (máis de 15 anos).

O premio de maior cuantía será de 700 euros para a mellor comparsa mixta. Haberá tamén premios para as comparsas máis orixinais e simpáticas, ademais de 1.000 euros a repartir entre todas as comparsas que participen e non obteñan premios (máximo 100 euros por comparsa). 

O prazo de inscrición no desfile remata o 20 de febreiro. Todos e todas as participantes obterán un vale de chocolate con churros, e os nenos e nenas menores de 14 anos un agasallo.

No caso de que as condicións meteorolóxicas impidan a celebración do desfile, trasladarase a outra data, tendo sempre en conta as datas dos desfiles en concellos limítrofes para non coincidir. 

O día seguinte, o mércores 2 de marzo, o concello organizará para rematar o Entroido o Enterro da Sardiña, ás 20:00 horas na praza da Constitución, no que tamén se repartirá chocolate con churros.

0.12092614173889