Vilalba prepárase para recibir aos Reis Magos cun percorrido polas parroquias

TerraChaXa
Xa pola tarde, ás 18.15 horas, Melchor, Gaspar e Baltasar farán a súa entrada na vila de Vilalba, onde subirán ás súas carrozas para iniciar a tradicional cabalgata
reis-magos-vilalba
3 Jan 2026

Vilalba vivirá este luns, 5 de xaneiro, unha das xornadas máis agardadas e máxicas do ano coa visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. A alcaldesa, Marta Rouco, xunto coa concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, animan a toda a veciñanza a participar e gozar desta celebración pensada especialmente para os nenos e nenas e as súas familias.

A xornada dará comezo ao mediodía co percorrido dos Reis Magos por distintas parroquias do rural, achegando ilusión ás casas escolas e aos máis pequenos. Ás 13.00 horas visitarán Ladra, Belesar e Oleiros; ás 15.30 horas será a quenda de Santaballa, Lanzós e Román; e ás 16.30 horas chegarán a Carballido e Goiriz.

Xa pola tarde, ás 18.15 horas, Melchor, Gaspar e Baltasar farán a súa entrada na vila de Vilalba, onde subirán ás súas carrozas para iniciar a tradicional cabalgata. O desfile percorrerá as rúas desde o Campo da Feira ata o Auditorio Municipal, aínda que o itinerario poderá verse condicionado polas condicións meteorolóxicas.

O Concello destaca que se trata dunha cita moi especial, que cada ano enche as rúas de ilusión e maxia, converténdose nun dos momentos máis emotivos do Nadal vilalbés. A celebración permitirá que os máis pequenos vivan de preto a chegada dos Reis Magos, compartindo unha experiencia única coas súas familias e coa veciñanza.

0.12256503105164