Vilalba presenta a primeira Feira do Libro de Segunda Man, que será o 2 de novembro

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, presentaron esta mañá unha nova proposta dinámica e participativa para os xa consolidados domingos de feira na Praza de Santa María: a I Feira do Libro de Segunda Man.
A cita celebrarase o vindeiro domingo, 2 de novembro, coincidindo coa feira mensual de Vilalba, e busca impulsar o intercambio, a lectura e a participación veciñal, ofrecendo un espazo para que se poida dar unha segunda vida a cómics, revistas e libros.
A participación está aberta a todas as persoas maiores de idade ou asociacións sen ánimo de lucro que conten cun mínimo de 50 exemplares para vender. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe ata o xoves 30 de outubro, mediante o envío do formulario anexo ás bases dispoñibles na web municipal (www.vilalba.gal) ao correo feiras@vilalba.es.
A alcaldesa Marta Rouco destacou que “con iniciativas como esta queremos que os domingos de feira en Vilalba sigan sendo dinámicos, atractivos e con propostas que animen á participación dos veciños e veciñas e atraian tamén a visitantes doutras localidades”.
Engadiu que esta nova feira “forma parte do modelo de vila que estamos construíndo, unha Vilalba viva e participativa, onde as persoas queiran quedar a vivir e na que seguimos gobernando para todos e todas, mellorando cada día o noso municipio”.
Desde o Concello de Vilalba fan un chamamento á participación da veciñanza, animando a todas as persoas interesadas a sumarse a esta primeira edición e contribuír así a facer dos domingos de feira unha xornada de encontro e dinamismo social.