Vilalba presenta a vixésimo novena edición da Feira do Queixo San Simón da Costa

TerraChaXa
O pregón estará a cargo de Carlos Blanco, que ofrecerá un monólogo xunto aos concertos de De Ninghures e Fillas de Casandra
presentacion-feira-do-queixo-vilalba
18 Mar 2025

As tres entidades organizadoras da Festa do Queixo San Simón da Costa —o Concello de Vilalba, a Asociación de Queixeiros de San Simón da Costa e o Consello Regulador da DOP San Simón da Costa— presentaron a vixésimo novena edición dunha cita que se celebrará en Vilalba os vindeiros días 5 e 6 de abril.

Segundo recordaron os organizadores, a intención "é facelo mellor ca nunca" aproveitando o feito de terse incorporado á ruta europea do queixo. Lembrou Marta Rouco que seguirán os actos de sempre pero tamén se incorporan outras actuacións e outras actividades diferentes. Haberá catas interactivas nunha carpa na feira os dous días como unha das actuacións logo de estar nesa ruta europea.

A feira abrirá o sábado 6 ás 11:00 na Praza da Constitución e o primeiro acto do programa será unha cata comentada de queixo, ás 12.30 horas a cargo de Salomé Beiroa e Eduardo Balsa. Este acto dará paso a unha actuación da Banda AC de Andrade, tamén na praza da Constitución.

Os actos da tarde darán comezo cun taller de cociña infantil con queixo San Simón, un acto que todos os anos conta con numerosos asistentes.

A media tarde o protagonismo concederáselle ao humorista Carlos Blanco, quen lerá o pregón ás 18.30 horas e logo, ás 20.30, ofrecerá un monólogo no auditorio.

Para rematar, De Ninghures e Fillas de Casandra pecharán a xornada do sábado cun concerto na Praza de Santa María que dará comezo ás 22:00.

O domingo 6, no que ademais tamén se celebrará a feira mensual de Vilalba, a feira abrirá ás 10:00 e estará amenizada pola actuación musical da Banda de Gaitas de Mato Vizoso. Ademais, pola tarde, haberá baile con La Hora Bruja no centro cultural.

A feira contará con 30 queixeiras confirmadas ademais doutros 60 postos diferentes polo que seguirá a liña de anos anteriores.

OS DATOS DE PRODUCIÓN

Segundo os datos do Consello Regulador, no ano 2024 houbo unha produción de 599.659 pezas de queixo o que supón un total de 563.291 kg e un valor económico de 5.069.619 euros.

Actualmente, están inscritas 9 queixerías e entregaron leite para a produción uns 81 gandeiros, dos 377 que hai inscritos.

⚙ Configurar cookies
0.83804106712341