Vilalba presenta as actividades do 8M, que contarán cunha xornada familiar e varios obradoiros


A alcaldesa e concelleira de Igualdade, Marta Rouco, presentou hoxe, xunto á concelleira Paula Vigo, a programación do Concello de Vilalba para o 8M, Día Internacional das Mulleres, unha proposta que combina actividades abertas á cidadanía e accións formativas nos centros educativos ao longo de todo o mes de marzo.
Rouco explicou que “o 8M é unha data fundamental para recordar todo o camiño percorrido polas mulleres, pero tamén para seguir avanzando en igualdade real”, ao tempo que anunciou que o domingo 8 de marzo a Praza de Santa María acollerá unha xornada especial pensada para todos os públicos.
A programación arrancará ás 11:00 horas co contacontos “Contos en lila”, a cargo de Cris de Caldas, dirixido a público familiar e recomendado para nenos e nenas a partir de 3 anos. Xusto despois, ás 12:00 horas, celebrarase a actividade “Praza lila: creatividade e igualdade”, que incluirá un obradoiro de creación de chapas feministas para público infantil e adulto, acompañado dun pintacaras para os máis pequenos. Ao longo de toda a mañá, quen o desexe poderá participar tamén nun photocall coa imaxe da campaña municipal do 8M.
A alcaldesa subliñou que “esta programación integrámola na iniciativa posta en marcha hai case un ano para dinamizar a Praza de Santa María durante os domingos de feira, un espazo que queremos que pertenza á cidadanía e que represente os valores da vila”.
A xornada rematará co concerto do dueto “Muller”, formado por Noelia Geada e David Taboada, un proxecto de voz e piano centrado na mirada feminina e na reivindicación da muller na música.
Ademais das actividades do domingo, Rouco lembrou que o Concello está a promover máis de 20 sesións formativas entre o 2 e o 26 de marzo nos centros de educación infantil e primaria do municipio. En concreto, impártese o obradoiro “Libres de etiquetas: o valor de ser ti mesm@”, dirixido pola axente de igualdade do Concello de Vilalba, Amara Pérez, cun enfoque específico sobre igualdade e ruptura de estereotipos de xénero.
Tamén o alumnado do IES Santiago Basanta Silva participará no obradoiro “Brainrot: limpar o feed de prexuízos”, centrado na reflexión sobre igualdade e redes sociais.
A alcaldesa concluíu afirmando que “dende o Concello apostamos por unha programación que combine sensibilización, participación cidadá e educación, porque a igualdade constrúese cada día e en todos os ámbitos da vida”, e engadiu que “Vilalba é unha vila comprometida e concienciada, e queremos que esta celebración do 8M sexa un reflexo desa realidade”.