Vilalba presenta o programa nocturno do Samaín cunha ampla oferta para todos os públicos

TerraChaXa
As actividades comezarán ás 20:00 horas, coa participación de varios grupos musicais
samain-vilalba
28 Oct 2025

As concelleiras María Xosé Fernández e Mónica González, xunto co vicealcalde Modesto Renda Santiso, deron a coñecer o programa nocturno do Samaín, unha proposta festiva dirixida especialmente ao público xuvenil e adulto que se desenvolverá como peche da programación infantil. O obxectivo é ofrecer unha celebración á altura desta data tan especial, combinando música, animación e tradición.

As actividades comezarán ás 20:00 horas, coa participación dos grupos Batifoula, Noxo me Das, Buxos Verdes, Cerna de Árbol, a Asociación Cultural Andrade, a batucada Cadabatú, a Coral Polifónica Vilalbesa e as alumnas da Escola Municipal de Teatro, que encherán as rúas de música, ritmo e diversión.

A partir das 21:00 horas terá lugar a tradicional procesión do Samaín pola rúa da Pravia, un dos momentos máis esperados da noite, e ás 22:15 celebrarase o concerto do grupo Sintético Fantástico, que poñerá o broche musical á xornada.

Non faltará tampouco a oferta gastronómica, cun posto de filloas dispoñible para o público asistente.

Desde o Concello animan á veciñanza a participar e a preparar os seus disfraces, xa que Vilalba se transformará para vivir intensamente unha das festas máis emblemáticas do outono.

⚙ Configurar cookies
0.070146083831787