Vilalba presenta o seu programa de Entroido para febreiro con varias novidades

O Concello de Vilalba, a través da Concellería de Infancia e Xuventude, presentou hoxe a programación do Entroido 2026, unha proposta pensada para todas as idades que combina actividades tradicionais, iniciativas dirixidas á infancia e novidades orientadas á participación veciñal.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, foron as encargadas de dar a coñecer unha programación que se desenvolverá entre o 8 e o 21 de febreiro, con actividades repartidas en diferentes espazos do municipio.
“Dende o Concello traballamos para que a programación sexa diversa, participativa e pensada para que todo o mundo teña o seu espazo”, sinalou a alcaldesa, Marta Rouco.
A programación arrancará o domingo 8 de febreiro co domingo de baile no Centro Cultural, de 17:00 a 20:00 horas, amenizado polo dúo Marineda e co habitual sorteo gratuíto entre as persoas asistentes.
O venres 13 de febreiro terá lugar o desfile de Entroido dos colexios, protagonizado polo alumnado dos centros educativos do municipio. O desfile comezará ás 11:30 horas na Biblioteca Municipal e finalizará na Praza da Constitución, onde os nenos e nenas poderán gozar do espectáculo “Circo Funky”, incluído no programa Dinamizartj, promovido polo Instituto para a Transición Xusta e a Fundación Cidade da Enerxía.
A concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, puxo en valor esta cita “como un dos momentos máis especiais do Entroido, no que a creatividade e a ilusión dos nenos e nenas enchen Vilalba de cor”, destacando tamén a colaboración dos centros educativos.
O martes 17 de febreiro celebrarase o gran desfile de Entroido, que comezará ás 16:30 horas con saída desde a Estación de Autobuses, percorrendo a rúa Campo de Puente e a rúa da Pravia ata chegar á Praza da Constitución. O desfile contará coa animación do pasarrúas Os Bregadiers, tamén incluído no programa Dinamizartj.
A inscrición para participar no desfile estará aberta ata o 12 de febreiro ás 14:00 horas, e poderá realizarse enviando un correo electrónico a paula.vigo@vilalba.es. Establécense cinco categorías: individual infantil, individual adulto, grupos, comparsas infantís, comparsas adultas-mixtas; estando dispoñibles as bases do concurso en www.vilalba.gal.
O Concello repartirá máis de 5.000 euros en premios, entre eles os galardóns ao disfrace máis orixinal e ao máis simpático. Así mesmo, repartiranse 500 euros entre as comparsas participantes que non resulten gañadoras, cun máximo de 100 euros por agrupación.
Como novidade desta edición, o sábado 21 de febreiro celebrarase unha verbena de Entroido na Praza da Constitución, a partir das 23:00 horas, coa actuación da Orquestra Gran Parada e DJ de Eventec. O recinto contará con carpa cuberta, calefacción e servizo de barra.
“Queremos que o noso Entroido siga medrando, incorporando novas propostas e ofrecendo alternativas de lecer de calidade”, destacou Marta Rouco, quen subliñou que “esta verbena é unha aposta clara por ampliar a programación e responder á demanda da veciñanza”.