Vilalba presenta o seu programa de Entroido


A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, presentaron a programación para o concurso e os actos do Entroido 2025.
As actividades comezarán o venres 28 de febreiro, cando os protagonistas serán os nenos e nenas dos centros educativos da vila, quen desfilarán dende a Rúa Cuart de Poblet ata a Praza da Constitución a partir das 11:30 horas.
Uns días despois, o martes de Entroido, 4 de marzo, celebrarase o tradicional desfile dende a Estación de Autobuses ata a Rúa da Pravia, a partir das 16:30 horas.
Nesta edición, na que se repartirán máis de 5.500 euros en premios, os participantes poderán competir en sete categorías diferentes: individual infantil, individual adulto, parella ou trío infantil, parella ou trío adulto, grupos, comparsas infantís e comparsas de adultos.
Ademais, como en anos anteriores, haberá dous premios de 200 euros cada un para os disfraces máis orixinal e máis simpático, que serán acumulables aos galardóns en calquera das categorías do concurso. Pola súa banda, tamén se repartirán 500 euros entre as comparsas participantes que non resulten gañadoras, cun máximo de 100 euros por agrupación.
“Desta forma contribuímos a que os participantes poidan custear os seus disfraces e desprazamentos ata a nosa vila, asegurándose levar un petisco aínda que non resulten gañadores do concurso”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
En canto aos galardóns, “os importes irán dende os 75 euros para o terceiro posto da categoría individual tanto infantil como adulto, ata os 800 euros cos que poderá facerse a comparsa gañadora do primeiro posto na categoría de adultos”, salientou a concelleira de Infancia e Xuventude de Vilalba, Paula Vigo.
Así mesmo, Vigo adiantou que “as inscricións xa están abertas e toda a documentación que hai que presentar está recollida nas bases do concurso”, ao tempo que explicou que “a data límite para inscribirse será o día 26 de febreiro ás 14:00 horas e o medio para facelo será o envío dun correo electrónico a paula.vigo@vilalba.es”.
Finalmente, a programación de Entroido rematará o mércores 5 de marzo co pasarrúas, que dará comezo ás 19:30, e a representación do enterro da sardiña a cargo da Escola de Teatro de Vilalba. “Unha xornada na que teremos un doce típico destas datas, as filloas, totalmente gratuítas para todos os asistentes”, concluíu a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.
