Vilalba presenta un plan de mobilidade urbana
O Concello de Vilalba está a elaborar un estudo de mobilidade e espazo público (EME), unha ferramenta básica para a planificación e a posterior toma de decisións en torno á mobilidade no municipio pensada para favorecer o desenvolvemento rexenerativo das áreas habitadas. Permitirá ademais acceder aos fondos europeos de mobilidade sustentable.
O obxectivo desta iniciativa é atopar maneiras de mellorar a mobilidade no concello. Concretamente, céntrase en tres ideas: facer que o xeito de moverse a diario sexa máis sustentable (ecolóxica, social e economicamente); facer máis eficiente o sistema de desprazamentos no concello, e facilitar hábitos de mobilidade máis saudables, máis respectuosos co medio ambiente e que axuden a aforrar recursos.
Ademais, terá como obxectivo unha Vilalba máis accesible para todas as persoas reducindo barreiras arquitectónicas, mellorando a relación entre peóns e vehículos e facilitando o acceso aos transportes públicos. “En conclusión, garantir unha mellor calidade de vida para toda a cidadanía, promovendo melloras na contorna, na inclusión social e deseñando estratexias de redución das emisións de CO2”, explica o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández.
Para conseguir os obxectivos do EME estase a estudar, con distintas metodoloxías, o xeito en que os veciños e veciñas se desprazan a pé, en bicicleta, en vehículo privado ou no transporte público, e o modo en que se utilizan os espazos públicos (as rúas, as prazas, as zonas verdes, etcétera).
Interesa coñecer os desprazamentos que a veciñanza fai a diario tanto dentro do propio concello como a outros da contorna; ben que se fagan por motivo das actividades diarias (o traballo, a escola, a compra...) como no tempo de lecer.
Analizaranse tamén a ocupación dos aparcadoiros, os problemas de seguridade viaria e a configuración das rúas, para detectar as carencias na accesibilidade ou os problemas que conducen á degradación ambiental.
Os traballos integrarán a visión técnica coa visión participada: durante as próximas semanas levaranse a cabo varias medicións do fluxo circulatorio e peonil, e da saturación dos estacionamentos a distintas horas do día. Realizarase tamén unha enquisa á veciñanza, e entrevistas a axentes relacionados coa mobilidade, que permitan facer unha diagnose conxunta sobre as problemáticas concretas que afectan á cidadania.
A colaboración da veciñanza para que aporte información e opinións que son vitais á hora de elaborar o EME. A poboación é a maior coñecedora dos problemas e virtudes do concello, así como dos hábitos de mobilidade e de uso do espazo público. Pódese contribuír cubrindo a enquisa online en:
https://www.cognitoforms.com/PlanificacionTEC/EMEVILALBA
A enquisa é totalmente anónima, e permanecerá aberta entre este luns, 21 de setembro, e o 19 de outubro.
O EME servirá á corporación municipal como base para a toma de decisións en materia de mobilidade e espazo público, unha guía para levar a cabo as intervencións de xeito ordeado durante os próximos anos, e apoiando a busca de financiación que permite sufragar estas medidas.
Toda a información recadada servirá para preparar estratexias e propostas concretas que pasarán a formar parte do plan. Estas propostas estarán integradas en liñas de actuación financiables pola Unión Europea e as distintas administracións do estado, a través de liñas de axuda encamiñadas á redución de emisións contaminantes a atmosfera e de rexeneración urbana.