Vilalba quere crear unha comunidade enerxética local
O Concello de Vilalba traballa para a posta en marcha da primeira comunidade enerxética local, unha iniciativa para fomentar o uso de enerxías renovables e o aforro enerxético en edificios e instalacións municipais.
O primeiro paso xa está dado, ao solicitar o concello unha subvención para asesoramento xurídico e técnico ao Instituto Enerxético de Galicia (Inega).
“A nosa idea é constituir a comunidade enerxética e despois poñela andar, cos recursos e os investimentos dos que vaiamos dipoñendo”, asegura a alcaldesa, Marta Rouco.
“O que buscamos en primeiro lugar é o autoconsumo para instalacións municipais, pero tamén que sexa unha iniciativa aberta á participación veciñal nun radio de dous quilómetros”, engade.
O concello ten que ter constituída antes do 30 de setembro a comunidade enerxética, coa redacción e aprobación dos estatutos, e realizado o estudo técnico para determinar cal é a mellor ubicación para a instalación das placas fotovoltaicas, que son as que permitirán obter a enerxía para autoconsumo e abastecemento.
Ademais do autoconsumo e uso de enerxías limpas, a comunidade enerxética de Vilalba busca reducir a dependencia enerxética e o impacto ambiental, promover a conciencia cidadá na cultura da sostibilidade enerxética e contribuír a evitar situacións de vulnerabilidade enerxética.