Vilalba reabre o parque Rosalía de Castro este luns tras a súa renovación cun espectáculo de maxia familiar

TerraChaXa
As actuacións realizadas remataron esta mesma semana e responden a unha demanda trasladada polas familias
supervision-obras-parque-rosalia-vilalba
8 Mar 2026

O Concello de Vilalba reabrirá este luns, 9 de marzo, o parque Rosalía de Castro tras a finalización das obras de renovación levadas a cabo neste espazo público. A inauguración oficial terá lugar a partir das 17:30 horas cun espectáculo de maxia familiar a cargo do ilusionista Roberto Lolo, coñecido pola súa participación no programa televisivo Got Talent España.

A reapertura do parque permitirá que os nenos e nenas da vila poidan volver gozar dun espazo de lecer completamente renovado. As actuacións realizadas remataron esta mesma semana e responden a unha demanda trasladada polas familias vilalbesas para mellorar as instalacións e facer deste parque un lugar máis seguro e atractivo para o xogo e o encontro.

O acto de inauguración incluirá unha actividade pensada especialmente para o público familiar, co obxectivo de celebrar a recuperación deste espazo público e fomentar o seu uso por parte da veciñanza.

Esta iniciativa está organizada pola Alcaldía e pola Concellería de Infraestruturas Urbanas, que quixeron acompañar a reapertura do parque cun evento lúdico que marque o inicio dunha nova etapa para este punto de encontro da cidadanía.

0.13225102424622