Vilalba recibe a escolares portugueses no programa de intercambio do Eixo Atlántico

O Concello de Vilalba recibiu a un grupo de escolares de sexto de primaria procedentes de Santa María da Feira (Aveiro, Portugal), no marco do programa de intercambios escolares impulsado polo Eixo Atlántico.
Durante dous días, o alumnado participante desenvolverá en Vilalba un completo programa de actividades educativas, culturais e de lecer, co obxectivo de coñecer o municipio e compartir experiencias co alumnado local.
Nesta edición, o centro anfitrión será o CEIP Terra Chá de Román, que colabora na organización dunha proposta que combina convivencia, aprendizaxe e descubrimento do territorio.
A xornada de hoxe incluíu a recepción oficial no Concello por parte da alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Educación, Paula Vigo. A este respecto, a rexedora destacou a importancia deste tipo de iniciativas para “fortalecer os vínculos entre territorios e ofrecer ao alumnado experiencias que van máis alá da aula”, subliñando que “permiten que os nosos nenos e nenas coñezan outras realidades próximas, compartan cultura e constrúan relacións nun espazo común como é o da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.
Posteriormente, o alumnado desprazouse ao centro educativo para coñecer aos estudantes vilalbeses que, en vindeiras datas, participarán no intercambio visitando Portugal.
Ademais, ao longo do día realizarán diversas actividades, como unha visita á queixería Don Crisanto, onde poderán coñecer de primeira man o proceso de elaboración do queixo San Simón da Costa, un dos produtos máis representativos da vila. A xornada completarase cunha escape room analóxica na Praza de Santa María e na Torre dos Andrade, centrada na historia e nas curiosidades de Vilalba.
Hoxe, venres, o programa continuará con actividades na área recreativa da Madalena e no Paseo dos Soños, co fin de dar a coñecer tamén a riqueza natural do municipio. A visita rematará cun almorzo no centro educativo e unha actuación de despedida a cargo do mago Roberto Lolo.
Este é o segundo ano no que Vilalba participa neste programa, tras a experiencia desenvolvida o pasado ano con alumnado de Guimarães en colaboración co CEIP Insua Bermúdez. A participación do municipio enmárcase na súa adhesión ao Eixo Atlántico, formalizada en febreiro de 2025.
A alcaldesa incidiu ademais en que “Vilalba ten moito que ofrecer, e este tipo de programas son unha excelente oportunidade para amosalo desde unha perspectiva educativa e participativa”, reafirmando o compromiso do Concello con iniciativas que fomenten o intercambio cultural e educativo.