Vilalba recoñece os logros da escola de taekwondo Moo Duk Kwan e dos seus deportistas
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Deportes, Paula Vigo, recibiron a varios taekwondistas da escola Moo Duk Kwan, dirixida por Antonio Montes, para recoñecer os destacados logros deportivos acadados durante a tempada.
Durante a recepción, a rexedora e a edil destacaron a dedicación e o esforzo dos deportistas, que conseguiron importantes éxitos en competicións nacionais e internacionais. Entre os logros máis destacados figuran as dúas medallas de bronce obtidas no Campionato do Mundo de Hapkido polos irmáns José Miguel Vázquez Regueira e Jesús María Vázquez Regueira, en dúas modalidades diferentes.
Ademais, a escola Moo Duk Kwan celebrou outros éxitos significativos no Campionato de España precadete, onde Xoana Kiman Crende, Jesús Seoane e Martín Peteira acadaron dúas medallas de bronce e un quinto posto.
Nas categorías inferiores, os novos talentos da escola tamén brillaron, con medallas en competicións autonómicas e internacionais, tanto na modalidade de técnica como na de combate.
Marta Rouco felicitou aos deportistas e ao director da escola polo "seu esforzo e compromiso, que son un exemplo para toda a comunidade", e reiterou o apoio do Concello ao deporte local como ferramenta de formación e convivencia.
O acto concluíu con palabras de agradecemento por parte dos deportistas e do director da escola, que destacaron o respaldo institucional como un impulso para seguir acadando novas metas.