Vilalba reformará as rúas Calvario e dos Pepes
O Concello de Vilalba acaba de adxudicar o proxecto para a reforma e humanización integral das rúas Calvario e dos Pepes, con actuacións no abastecemento, o alumeado, o pavimento ou mobiliario urbano.
A zona terá ademais amplios espazos de prefencia peonil. O prezo final da adxudicación das obras é de 239.000 euros, 60.000 menos no previsto inicialmente. O Concello investirá a curto prazo a partida aforrada noutras actuacións.
Os traballos inclúen a renovación da rede de abastecemento de auga das rúas Calvario e dos Pepes, cambiando as canalizacións, as acometidas das vivendas e as bocas de rego e incendios. A zona terá por outra parte unha nova rede de augas pluviais.
Renovarase tamén a rede de alumeado e na rúa dos Pepes o concello aposta por luminarias ornamentais cun elevado valor estético. No lugar onde está o cruceiro, os veciños e veciñas disfrutarán dunha nova praza e toda a contorna contará con bancos de descanso, papeleiras, sinalización e alcorques.
Por último, a actuación inclúe un novo pavimento para as dúas rúas, que no caso dos Pepes será de adoquín. “Unha reforma integral que humanizará a zona, dándolle protagonismo as persoas e renovando todos os servizos”, afirma Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas.