Vilalba reforza a dinamización social e comercial con novas feiras e actividades no centro e no rural

TerraChaXa
O Concello impulsa iniciativas como a Feira Intercultural, o Tardeo ou ciclos de conferencias, ademais de programas no rural con máis de 250 participantes
Feira-Intercultural-Vilalba
8 Aug 2025

O Concello de Vilalba, a través da Alcaldía e da concellería de Feiras e Mercados, leva meses desenvolvendo un programa de actividades e eventos para dinamizar a vida social e comercial da vila.

A máis recente foi a Feira Intercultural, que se suma á Feira de Artesanía e á Feira de Segunda Man ‘Vintalba’ co obxectivo de dar vida á praza de Santa María durante os domingos de feira.

A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que o balance destas propostas é positivo e avanzou que xa se están preparando novas accións, como o Tardeo que terá lugar mañá na rúa da Pravia ou un ciclo de conferencias sobre temas de actualidade, previsto para comezar o 29 de agosto.

No ámbito rural, máis de 250 veciños de 21 parroquias participaron no último programa de dinamización, que incluíu ximnasia de mantemento, manualidades, talleres de memoria e sesións dedicadas ao uso das novas tecnoloxías. Rouco adiantou que se engadirán novas actividades, algunhas delas centradas na divulgación sobre saúde e hábitos saudables, das que se ofrecerá máis información en breve.

A programación municipal tamén manterá os domingos de baile e as actividades e concertos que complementan eventos tradicionais como a Feira do Capón de decembro, nunha aposta por combinar tradición e novas propostas para atraer público e reforzar a vida social vilalbesa.

⚙ Configurar cookies
0.65613508224487