Vilalba reforza a limpeza das rúas co novo contrato de recollida de residuos

TerraChaXa
Así o anunciou o Concello antes de comezar o ciclo de reunións polas parroquias, que arranca este venres en Lanzós e Goiriz
recogidabasuravilalba
29 Jan 2025

O novo contrato de recollida de residuos urbanos do Concello de Vilalba traerá consigo importantes cambios e melloras que serán notables de forma progresiva, sendo a limpeza viaria unha das primeiras medidas que se fará efectiva no momento no que comece a nova concesión.

A nova empresa responsable do contrato do lixo do Concello de Vilalba porá en funcionamento tres brigadas especializadas na limpeza de rúas que permitirán manter a vila nunhas mellores condicións de limpeza e salubridade.

Nesa liña, o servizo de limpeza viaria contará cunha brigada motorizada para efectuar a limpeza das zonas máis periféricas da vila, á que se sumará unha brigada polivalente que se encargará do desbroce e da limpeza de vexetación tanto no casco urbano como nos núcleos das parroquias asimilados como zonas urbanas: O Santo, Goiriz, Lanzós e Guadalupe.

Ademais, tamén haberá unha terceira brigada que se centrará na limpeza das rúas do casco urbano mediante o lavado a presión das mesmas. Precisamente, “esa brigada, que fará os seus traballos de forma recorrente, será a que se encargue de realizar o plan de choque inicial xa a vindeira semana, mellorando o estado de limpeza das rúas dende o primeiro momento da entrada en funcionamento do contrato”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

En consecuencia, a nova empresa adxudicataria está desenvolvendo un proceso de selección de persoal que levará aparellado a contratación de entre 6 e 7 novos/as traballadores/as. Desta forma, o servizo prestarase dunha forma máis efectiva e completa, o que á súa vez permitirá á empresa cumprir coas novidades e cambios establecidos no contrato.

Pola súa banda, dende o Concello de Vilalba vense de poñer en marcha o plan de reunións nas parroquias do rural para informar aos veciños e veciñas dos cambios e as novidades do contrato. Nese sentido, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, reunirase este venres, 31 de xaneiro, cos veciños e veciñas de Lanzós ás 20:00 na casa escola e estará ás 21:00 en Goiriz.

“Achegareime ás parroquias do noso rural acompañada por concelleiros do meu equipo de goberno e un representante da empresa adxudicataria do novo contrato” explicou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, quen adiantou que “xa temos planificadas as reunións da vindeira semana, na que nos achegaremos a outras seis parroquias”.

Nesa liña, os veciños e veciñas de Sancovade están convocados na casa escola da parroquia o vindeiro luns, 3 de febreiro, ás 20:00 horas e ás 21:00 dese mesmo día, os veciños e veciñas de Noche.

Ao día seguinte, o martes 4 de febreiro, terán lugar as reunións nas parroquias de Román, ás 20:00 horas, e Carballido, ás 21:00. E finalmente, pecharase a semana coas xuntanzas en Santaballa, ás 20:00 horas, e Codesido, ás 21:00.

0.18066620826721