Vilalba reforza a seguridade cidadá cun novo vehículo híbrido para a Policía Local

O Concello de Vilalba vén de reforzar os medios da Policía Local coa incorporación dun novo vehículo patrulleiro híbrido, un Ford Kuga MCA ST-Line 2.5 DURATEC FHEV, dotado co distintivo ambiental ECO e preparado con equipamento de última xeración para mellorar a seguridade e a resposta ante emerxencias.
A alcaldesa, Marta Rouco, acompañada polo concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, e por dous axentes da Policía Local, participou na recepción oficial do coche e coñeceu de primeira man as súas prestacións técnicas e de seguridade.
O novo patrulleiro combina un sistema de propulsión híbrido con motor eléctrico e batería de ion-litio, e dispón dun completo paquete de seguridade que inclúe pontes de sinalización, sirena dixital e iluminación LED perimetral, para garantir unha mellor visibilidade nas intervencións.
Entre o seu equipamento tamén se inclúen un desfibrilador semiautomático con modo pediátrico, un botiquín completo, extintor e un kit medioambiental para a análise de augas in situ, reforzando así o seu carácter polivalente e de resposta inmediata ante situacións de emerxencia.
‘Este novo vehículo supón un paso adiante en materia de seguridade e modernización da Policía Local, ao tempo que seguimos apostando pola eficiencia enerxética e o respecto polo medio ambiente’, destacou a alcaldesa Marta Rouco. ‘Queremos que os axentes conten con mellores medios para ofrecer un servizo máis eficaz e sostible á cidadanía’, engadiu.