Vilalba reforza a seguridade do aparcadoiro subterráneo da Praza da Constitución con novas cámaras

O Concello de Vilalba vén de mellorar a seguridade do aparcadoiro público subterráneo da Praza da Constitución coa instalación de catro novas cámaras de vixilancia. Dúas delas estarán dedicadas á supervisión permanente do espazo, con conexión continua coa Policía Local as 24 horas, co fin de reforzar a prevención e poder intervir con maior rapidez ante incidencias ou actos vandálicos sobre os vehículos estacionados.
As outras dúas cámaras encárganse da lectura automática de matrículas e do control do tempo de estacionamento, o que facilitará a xestión do recinto e asegurará unha rotación axeitada para que máis usuarios poidan empregar o aparcadoiro ao longo do día.
A alcaldesa, Marta Rouco, subliñou que esta actuación responde á vontade do goberno local de 'mellorar a seguridade dos espazos públicos e ofrecer servizos municipais cada vez máis eficientes e cómodos'. 'Queremos que quen aparque neste espazo o faga con total tranquilidade. As novas cámaras axudarán a previr incidencias e a actuar de inmediato se xorde algún problema. É un paso máis para facer de Vilalba unha vila segura, moderna e mellor conectada', engadiu.
Con esta intervención, o executivo municipal continúa a modernización das infraestruturas urbanas e a optimización dos servizos, apostando pola seguridade, a eficiencia e a comodidade no día a día da veciñanza.