Vilalba reinicia este sábado a programación cultural
O Concello de Vilalba anuncia a recuperación da programación cultural, organizada pola concellería de Cultura para os meses de febreiro, marzo e abril.
A programación proposta polo Concello de Vilalba para estes meses pretende ser unha oferta para todos os públicos, con espectáculos de diversos tipos e dirixidos a distintas idades.
A cultura retómase este sábado, 27 de febreiro, ás 19:00 horas con “Uxía, Rosalía Pequeniña”. A función pretende homenaxear a Rosalía de Castro, cuxo día se celebra este mércores, coa adaptación da súa poesía por parte de Uxía, unha das músicas galegas máis importantes. A artista está especializada na renovación da músical tradicional galega, conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás, a música tradicional galega máis antiga, con morna, fado e ritmos brasileiros.
A programación destes meses combinará todo tipo de espectáculos, como o cruce entre circo e rock da man de Rock Cirk de Rolabola o vindeiro 5 de marzo. A igualdade de xénero será o tema central o 7 de marzo, cunha actuación de música e poesía ofrecida por Aldaolado: o benquerer(se). A finais de marzo, chegará o turno do teatro, con 22M de Butaza Zero ou coa adaptación de A Lingua das Bolboretas. Monólogos, actuacións circenses ou orquestas completarán o programa, que conta cunha oferta de 14 funcións.
“Retomar a programación cultural tras estas semanas de suspensión é unha aposta continuada pola cultura segura. Non debemos esquecer todos os beneficios que ten na nosa veciñanza, xa que a cultura é transformación social, aprendizaxe e entretemento”, afirma Vanesa Siso Calvo, concelleira de Cultura.
As entradas para os espectáculos poden mercarse de forma online na web: https://entradasvilalba.es/. A venta presencial tamén está dispoñible na Casa da Cultura, durante esta semana de 10:30 a 13:30, e a partir do 1 de marzo no seu horario habitual. Ademais, as persoas menores de 3 anos teñen un desconto do 50% no prezo da súa entrada.
Por último, a capacidade dos espectaculos cumpre coa normativa da Xunta de Galicia para eventos culturais. Porén, nas citas destinadas ao público familiar, as prazas agruparanse de dous en dous para persoas convivintes, respectando en todo momento a capacidade do local. No resto de espectáculos non se procederá a este agrupamento, polo que o plano de butacas se mantén con respecto a programacións anteriores, con cadeiras individuais e coa separación pertinente entre persoas.
Consulta todo o PROGRAMA neste enlace