Vilalba remata o Entroido co tradicional Enterro da Sardiña esta noite

TerraChaXa
A xornada dará comezo cunha procesión a cargo da Asociación Cultural Entre Lusco e Fusco, que será a encargada de conducir o simbólico cortexo funerario polas inmediacións da praza
entroido-vilalba-infantil
18 Feb 2026

Vilalba celebrará o tradicional Enterro da Sardiña hoxe mércores, a partir das 20.00 horas na Praza da Constitución, nun acto co que se porá o broche final ás festas do Entroido. A convocatoria combinará tradición, sátira e participación popular nun ambiente festivo aberto a toda a veciñanza.

A xornada dará comezo cunha procesión a cargo da Asociación Cultural Entre Lusco e Fusco, que será a encargada de conducir o simbólico cortexo funerario polas inmediacións da praza. A continuación terá lugar unha representación satírica protagonizada pola Escola Municipal de Teatro, que achegará retranca, burla e crítica social a través dunha posta en escena cargada de humor e mensaxes directas.

Como manda a tradición, o acto contará tamén cunha degustación de chocolate con churros para as persoas asistentes, ata esgotar existencias, convertendo o Enterro da Sardiña nun encontro de convivencia no que se mesturan a celebración popular e a expresión cultural.

O evento está organizado pola Escola Municipal de Teatro coa colaboración da Asociación Cultural Entre Lusco e Fusco e conta co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Vilalba, que con esta iniciativa reforza a programación cultural ligada ás tradicións do Entroido.

enterro-da-sardina-vilalba
⚙ Configurar cookies
0.088900089263916