Vilalba renderá homenaxe a Rosalía de Castro cunha ofrenda floral no seu monólito

TerraChaXa
O acto terá lugar o luns 23 de febreiro, ás 12.30 horas, no Parque Rosalía de Castro da localidade
homenxa-rosalia-iescha
20 Feb 2026

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), coa colaboración do Concello de Vilalba, continúa durante o mes de febreiro coa programación conmemorativa dedicada a Rosalía de Castro coa celebración dunha ofrenda floral ao carón do seu monólito. O acto terá lugar o luns 23 de febreiro, ás 12.30 horas, no Parque Rosalía de Castro de Vilalba.

A homenaxe incluirá a tradicional ofrenda floral, á que seguirá a lectura do Manifesto da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) no Día de Rosalía de Castro. O texto, que leva por lema “Mais eles tamén perdidos”, é obra da escritora Eva Veiga e será lido por Marisa Barreiro, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos.

O acto completarase cun espazo de lectura de textos aberto á participación do público, co obxectivo de fomentar a implicación da veciñanza e manter viva a palabra e o legado da autora máis universal da literatura galega.

Desde a organización animan á cidadanía a participar nesta homenaxe colectiva, concibida como un encontro de lembranza, reivindicación cultural e celebración da figura e da obra de Rosalía de Castro.

⚙ Configurar cookies
0.070302963256836