Vilalba renova o alumeado público no grupo La Paz e en dúas rúas máis
O Concello de Vilalba dará continuidade ao seu plan integral de renovación do alumeado público coa instalación de luminarias de tecnoloxía LED en Grupo la Paz e as rúas Cidade de Lugo e da Feira.
Para esta actuación, o concello recibiu unha subvención de 140.148,90 euros do Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica (o orzamento total dos traballos é de 175.000 euros).
As obras suporán a renovación de 141 puntos de luz e, grazas á tecnoloxía LED, o aforro enerxético será do 80%, rebaixando ademais de forma considerable a contaminación lumínica e as emisións de CO2.
“Levamos meses traballando na renovación do alumeado municipal, tanto no centro como nas parroquias, apostando pola tecnoloxía LED para cumprir todas as recomendacións da UE e dar un mellor servizo aos veciños”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas do Concello de Vilalba.
De feito, nas próximas datas sairá tamén a licitación a renovación do alumeado na zona de Campo de Puente e outras rúas próximas, tamén cunha subvención do IDAE (o instituto aporta o 80% dos 172.000 euros de orzamento). “Entre os dous proxectos, o concello conseguiu máis de 280.000 euros do IDAE, unha cantidade importante que nos permite afrontar estes investimentos”, engade Fernández.
Nas últimas semanas, remataron por outra parte os traballos para a mellora da eficiencia enerxética e a posta en funcionamento do novo alumeado público no núcleo de Cotoriña, na parroquia de Insua, e no barrio de Buxibán, Codesido. O concello anunciou antes do verán as mesmas actuacións nas parroquias de Tardade, Gondaísque, Mourence, Distriz, Boizán e Santaballa.