Vilalba renova o firme de 3,5 quilómetros de pistas en Samarugo
O Concello de Vilalba renova estes días o firme de varias pistas na parroquia de Samarugo, uns traballos levados a cabo en colaboración coa Comunidade de Veciños do Monte de Toxoso.
En concreto, os traballos permiten a renovación dunha pista de 600 metros en Lobán, dúas en Camba (1.800 metros) e outra en Campomaior (1.000 metros).
“O que fai o Concello é aportar o material, neste caso vinte camións de zahorra e dous camións de pedra, mentres que a comunidade veciñal aporta a maquinaria necesaria para as obras”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas no Concello de Vilalba.
Fernández eloxia “o entendemento cos veciños, dando lugar a un tipo de colaboración que axiliza os traballos e permite a renovación das pistas”.
O material utilizado, zahorra e pedra, permite ser moi respectuoso coa contorna medioambiental, un feito moi importante tendo en conta a zona onde están as pistas.