Vilalba repartiu este martes os seus premios aos mellores disfraces

Vilalba gozou dunha tarde inesquecible este Martes de Entroido, cunha celebración chea de música, alegría e fantasía. Veciños e visitantes escolleron a vila para vivir unha xornada festiva na que as rúas se encheron de disfraces espectaculares, comparsas cheas de orixinalidade e moita diversión.
O tradicional concurso de disfraces foi un dos momentos máis esperados do día, cun alto nivel de participación e propostas sorprendentes en todas as categorías. O xurado tivo unha difícil tarefa para escoller os gañadores. Na categoría individual infantil, o primeiro premio foi para Un pavo real moi divertido, seguido de A raíña do entroido e O carrusel. No apartado de individual adulto, os gañadores foron Ave do paraíso, Galicia mola! e Cucú".
Na categoría de parella ou trío infantil, o primeiro posto levouno De oca a coa e tiro porque me toca!, mentres que o segundo foi para A polinización da abella de maíz e o terceiro para A patrulla canina. En parella ou trío adulto, o premio foi para As doncelas do azul chairego, seguidas de Reciclando noticias e Fillos do Luta.
Os grupos tamén tiveron un gran protagonismo nesta edición do entroido. Unha aventura de altura levou o primeiro premio, Circo do entroido quedou en segundo lugar e Monstruos S.A. acadou o terceiro posto. En comparsas infantís, os premios foron para Huevitos chopecha, De maior eu quero ser... e Barbies e frores. No apartado de comparsas adultas, o primeiro premio foi para Postureo na Chaira contaminada, seguidas de Os edro e a fábrica de monecos e Priscinetes.
Ademais dos premios por categoría, tamén se outorgaron galardóns especiais. O premio ao disfrace máis orixinal foi para Postureo na Chaira contaminada, mentres que o premio ao máis simpático foi para O Rei León na Chaira.