Vilalba repartiu os seus premios aos mellores criadores de capóns

TerraChaXa
Vilalba viviu esta mañá unha nova edición da Feira do Capón na que se contou cun público que se achegou ao medio milleiro de persoas e a presenza dun gran número de exemplares, preto dos 300, que se venderon rapidamente como acontece todos os anos.
21 Dec 2023

Vilalba viviu esta mañá unha nova edición da Feira do Capón na que se contou cun público que se achegou ao medio milleiro de persoas e a presenza dun gran número de exemplares, preto dos 300, que se venderon rapidamente como acontece todos os anos.

Dende ás 10.00 horas, momento en que a feira abriu ao público, todas as persoas que se achegaron á praza da Constitución de Vilalba puideron mercar capóns e desfrutar dos exquisitos produtos do concello e os municipios da comarca como o queixo de San Simón, o roscón de Vilalba, diferentes tipos de carnes, marmeladas, mel ou as filloas de Muimenta.

Ás 11.30 hora tivo lugar a entrega de premios. Nesta ocasión o premio para a mellor criadora foi para Mari Carmen Barro Ares, de Lanzós, e o da mellor cesta correspondeu a Vanesa Coira Funcasta, de Román.

Tamén recibiron premio Milagros Lozano Pérez, de Distriz, que levou a mellor parella, e Olivia Souto Amado, que con 37 capóns, foi a criadora que máis exemplares levou á feira. Houbo un premio especial para as novas incorporacións ao rexistro de criadoras e criadores: Paz Domínguez, Laura Cortiñas e Fernando Méndez.

Ás 12:30 horas comezou a actividade dos foodtruck e as degustacións gratuítas de elaboracións diferentes de capón ata esgotar existencias, unhas 400. A ambientación musical correu a cargo do pasarrúas Mestura de Nete.

0.20636010169983