Vilalba rexistra outro aumento de casos mentres o global da provincia dispárase
Tal e como anunciaron as autoridades sanitarias, a covid-19 empeora e aínda o fará máis nos próximos días, tanto en contaxios como en presión hospitalaria. De novo nesta última xornada continúa o maior aumento ata o de agora nesta terceira vaga. Son 88 casos novos máis ata acadar os 1.362 (onte foron 63). Rexistráronse neste tempo 109 contaxios novos (onte foron 104), cifra que volve bater un récord. Mentres, as altas chegaron ás 7.181, 43 máis que o martes (o día anterior foron 48).
Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 8.708 casos rexistrados e 158 persoas falecidas, nas que non se integran os casos de residentes de centros de maiores que faleceron noutras provincias tras ser trasladados. O último falecido é un home da residencia da Pastoriza.
A presión hospitalaria continúa aumentando e chega a 9 persoas na UCI, unha máis que onte. Tamén sobe en dous casos a hospitalización. Hai 19 no Hula (tres máis), 18 na Mariña (un menos) e 2 en Monforte.
COMARCA
Vilalba recibe hoxe outro revés con 80 casos rexistrados no Concello nos últimos quince días. Eso supón 14 máis que os que tiña onte, e rompe a tendencia ao goteo constante para subir de forma alarmante novamente. O Concello está á espera de facer un cribado entre a súa poboación.
Na comarca, A Pastoriza, que levaba días baixando no número de casos hoxe rexistra un máis e xa son 67.
Nos resto de concellos a situación está controlada con todos por debaixo de dez casos en quince días, Incluso Xermade non declarou ningún na última quincena.
O veciño concello das Pontes certifica hoxe unha nova subida sumando tres casos o que fai que quen rexistrados 23.
No resto da provincia a situación segue moi crítica en Viveiro, Xove, O Vicedo, Cervo e Burela, que están no estado de máximas restricións, especialmente fortes Viveiro co peche da hostalaría e suspensión de toda actividade non esencial. Tamén Foz está con atención ao subir a 13. Ourol volve rebaixar a presenza do virus por debaixo dos dez casos.
No sur, Monforte e Sarria seguen subindo descontrolados agora mesmo con 86 e 55 contaxios, respectivamente, produto de dúas celebracións. Xunto a estes están afectados e en aumento tamén Quiroga con 34, O Saviñao con 15 e Bóveda 11. Pola contra, Chantada baixa a 25.
No centro, Lugo suma 6 casos máis ata os 192 casos e destacan os 29 de Palas de Rei e os 15 de Láncara.