Vilalba será sede do XII Festival Atlántica
Vilalba será unha das sedes do XII Festival Atlántica. Así o anunciou o tenente de alcalde Modesto Renda e a edil de Turismo Mª Xosé Fernández, que se achegaron a Santiago para participar na presentación dun dos máis grandes eventos das artes escénicas e que se desenvolverá entre Galicia e Portugal, con arredor de 90 funcións de 45 propostas e artistas de varios países.
"Estamos a falar dun dos poucos eventos das artes escénicas que programa ao longo de 7 días e en dous países diferentes" explicou Fernández.
Nesta mesma liña se pronunciou Modesto Renda, quen puxo en valor a importancia de que o Concello de Vilalba sexa sede dun evento destas características e en pé de igualdade coas cidades de Santiago de Compostela, Coruña, Vigo, Ourense ou Ferrol.
As situacións elixidas serán o Parador e a Liga Santaballesa e é por isto que coa representación do Concello viaxou a Santiago a membro da directiva da Liga, Clara Naseiro.
Nos vindeiros días faranse públicos os horarios e os artistas que se achegarán ao concello vilalbés.