Vilalba suma un novo Punto Violeta como espazo seguro para mulleres en situación de violencia de xénero

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presentou o Punto Violeta do Parador de Turismo de Vilalba, un espazo seguro e identificado que ofrece información e apoio ás mulleres que poidan atoparse en situacións de violencia de xénero. No acto estivo acompañada polo director do Parador de Vilalba e Ribadeo, Antonio Graña.
Durante a presentación, López destacou que a implicación de Paradores na loita contra a violencia machista é un exemplo de compromiso social e institucional, e subliñou que “cada novo punto de información é unha oportunidade para previr todo tipo de violencias contra as mulleres e reforzar a súa rede de protección”.
A subdelegada explicou que o obxectivo do Goberno é ampliar e descentralizar os espazos de atención e información, levando a sensibilización e os recursos de apoio a todos os ámbitos da vida cotiá, tamén aos relacionados coa hostalaría e o turismo. Ademais, lembrou que o Goberno de España segue traballando “para consolidar unha rede institucional activa, accesible e próxima ás persoas, que garanta que calquera muller poida atopar apoio e orientación ante unha situación de violencia”.
O Punto Violeta é unha iniciativa promovida polo Ministerio de Igualdade que busca implicar á cidadanía na loita contra a violencia machista, ofrecendo información clara sobre como actuar ante un caso e acompañando ás vítimas no seu proceso de protección e recuperación.
Os establecementos que se van sumando contan con diversos materiais informativos, entre eles a Guía Punto Violeta para actuar fronte á Violencia Machista, carteis e adhesivos con código QR que permiten acceder directamente a información práctica sobre recursos institucionais, así como distintivos identificativos que sinalan o lugar como espazo seguro.
O persoal do Parador recibiu formación específica para seguir o protocolo de actuación ante posibles situacións de violencia de xénero. “A súa sensibilización e disposición para colaborar é esencial para que ningunha muller se sinta soa ou desprotexida”, indicou López.