Vilalba súmase á iniciativa da Fegamp de levar aos tribunais á Xunta polo "infrafinanciamento" do SAF

TerraChaXa
O Concello destinou este ano 3,4 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar, máis do 25% de todo o orzamento municipal
marta-rouco-alcaldesa-de-vilalba
22 Dec 2025

A alcaldesa do Concello de Vilalba, Marta Rouco, apoia a iniciativa anunciada polo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, de levar á Xunta aos tribunais “polo infrafinanciamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)”.

“Os concellos xa non podemos máis, a situación é de asfixia económica ao ter que asumir o financiamento do servizo, unha competencia que non nos corresponde”, sostén Marta Rouco.

A Lei de Dependencia fixa as competencias do SAF nas comunidades autónomas, que deben financialo coa axuda do Goberno central. “En calquera caso, os concellos debemos xestionalo, pero non pagar o seu custo”, engade a alcaldesa.

No caso de Vilalba, o concello “destinou este ano a Axuda no Fogar máis de 3,4 millóns de euros. Conta con 140 traballadores e atende a máis de 310 veciños e veciñas de Vilalba (unhas 14.700 horas mensuais)”.

“Son cifras de investimento por habitante moi por enriba das sete grandes cidades, e na nosa provincia só a capital, Lugo, destina máis de 3,4 millóns anuais ao servizo”, lembra Marta Rouco, que considera a situación “insostible; os concellos non poderán manter o SAF se non cambian as cousas urxentemente”.

A Fegamp reclama de forma inmediata que a Xunta suba de 12 a 17 euros por hora a súa achega ao Servizo de Axuda no Fogar. De non ser así, levarán o caso ante a Xustiza.

⚙ Configurar cookies
0.077080965042114