Vilalba súmase ao estudo da Fegamp sobre a percepción da igualdade na mocidade

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, estivo presente no IES Santiago Basanta Silva durante a participación do alumnado de 3º da ESO no proxecto “Cambia de Bando”, unha iniciativa impulsada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) co obxectivo de promover a igualdade e combater as actitudes e crenzas machistas entre a mocidade galega.
Durante a presentación da actividade, a rexedora destacou que “este tipo de iniciativas son fundamentais para abrir os ollos, detectar crenzas que ás veces están normalizadas e dar á mocidade ferramentas para identificar e rexeitar comportamentos machistas”.
O alumnado realizou o test interactivo “Canto machismo tes?”, composto por oito preguntas con catro respostas posibles en cada unha delas. Ao responder, cada estudante recibiu un feedback inmediato sobre o grao de machismo ou igualdade que reflectía a súa elección.
Os resultados obtidos na aula amosan que o 61,1% do alumnado participante ten unha conciencia en proceso, que camiña cara a un pensamento igualitario, mentres que o 38,9% mantén aínda crenzas machistas arraigadas, o que pon de manifesto a necesidade de continuar traballando neste ámbito.
Neste sentido, a alcaldesa subliñou que “os datos que saíron desta actividade son moi valiosos porque demostran que queda traballo por facer, pero tamén que hai unha xeración que está a camiñar con paso firme cara a unha sociedade máis igualitaria”.
Vilalba convértese así no sétimo concello de Galicia en participar no proxecto. As respostas dos estudantes pasarán a formar parte dunha mostra global a partir da cal a FEGAMP elaborará un estudo sobre actitudes machistas na mocidade galega que permitirá deseñar novas accións de sensibilización baseadas en datos reais.
Tras a realización do test, o alumnado participou nunha sesión de sensibilización en igualdade impartida pola axente municipal do Concello de Vilalba. Durante a actividade analizáronse en grupo os resultados do test e desmontáronse estereotipos e crenzas presentes en moitas das respostas, como parte da programación municipal do 25N.
A alcaldesa concluíu que “desde o Concello continuaremos apostando por programas que permitan educar e sensibilizar porque a loita contra a violencia machista non se pode limitar a un día: é unha responsabilidade de todo o ano”.
O test permanece aberto ao conxunto da cidadanía na páxina web do proxecto, onde tamén poden consultarse os resultados acumulados ata o momento.