Vilalba supera as ratios da UE en prazas de escolas infantís co novo PAI

TerraChaXa
O Concello xestiona a Escola Infantil Municipal, con 42 prazas e 200.000 euros de orzamento, e destina 70.000 por curso á Galiña Azul
vilalba-obras-pai
26 Mar 2025

As obras do novo Punto de Atención á Infancia (PAI) avanzan a bo ritmo. Estas instalacións permitirán ofrecer en Vilalba 20 prazas máis para o coidado de nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Desta forma, o concello superará a ratio que marca a Unión Europea en prazas de escolas infantís, xa que segundo a UE este indicador debe estar situado nun mínimo de 33 prazas por cada 100 nenos e nenas en idade de 0 a 3 anos.

No caso de Vilalba, a Galiña Azul oferta 75 prazas, polas 42 da Escola de Educación Infantil xestionada directamente polo concello. Xunto ás 20 do PAI, fan un total de 137 prazas.

Entre os anos 2021, 2022 e 2023, naceron en Vilalba 220 nenos e nenas, polo que Vilalba superará amplamente a ratio recomendada pola UE.

“As cifras avalan o noso compromiso co ensino de 0 a 3 anos e coa conciliación”, asegura a alcaldesa, Marta Rouco, que lembra que “o concello asumiu no 2021 o servizo de Madrugadores, cun investimento por curso de 20.000 euros e 50 prazas, que permite que as nais e os pais poidan chegar aos seus postos de traballo.

Tamén é de xestión municipal o comedor da Escola de Educación Infantil, que este curso presta servizo a 70 nenos cun investimento de 91.000 euros.

Ademais, o concello xestiona a escola infantil municipal, coas citadas 42 prazas. Os orzamentos municipais destinan unha partida de case 200.000 euros a este servizo e 70.000 euros ao convenio co Consorcio Galego de Benestar por ter unha Galiña Azul en Vilalba.

O concello oferta tamén campamentos de verán (100 prazas) e campamento de Nadal (40 prazas).

A estes servizos, que supoñen un gasto total por curso para o concello duns 375.000 euros, unirase o novo Punto de Atención á Infancia (PAI). Dará servizo a 20 nenos e nenas de 0 a 3 anos e as súas familias.

⚙ Configurar cookies
0.81201601028442