Vilalba: Todas as opcións abertas
A popular Sandra Vázquez foi a lista máis votada tras sumar un concelleiro e está pendente dun pacto entre PSOE, Vilalba Aberta e BNG, que entra na corporación.
CONCELLEIROS ELECTOS
◆ Sandra Vázquez Domínguez (PP)
◆ Álvaro Fraga Castro (PP)
◆ Paula Gesto Díaz (PP)
◆ Daniel Orosa Pico (PP)
◆ Sandra López Rodíguez (PP)
◆ José María García-Leira Boado (PP)
◆ Patricia Teijeiro Álvarez (PP)
◆ José Franco Criado (PP)
◆ Mª Elba Veleiro Fernández (PSOE)
◆ Marta María Rouco Seoane (PSOE)
◆ Eduardo Vidal Baamonde (PSOE)
◆ Paula Vigo Lamas (PSOE)
◆ Luis Fernández Álvarez (PSOE)
◆ Modesto Renda Santiso (VA)
◆ María Xosé Fernández Pardo (VA)
◆ Tamara Rodríguez López (VA)
◆ Constantino Alvite Muinelo (BNG)
O PP volveu ser este ano a lista máis votada tras estes catro primeiros anos de goberno socialista. Un partido renovado, con Sandra Vázquez á fronte, recuperou parte do seu electorado pero non chegou a sumar a maioría absoluta que necesita para gobernar.
En números absolutos o grupo popular recibiu 500 votos máis e pasou de contar co respaldo do 38,8% ao 45,8%.
O outro grupo que crece é Vilalba Aberta, que suma tamén un concelleiro máis, e xa son tres baixo a dirección de Modesto Renda. Gañou outro medio milleiro de votos e pasou a ter preto do 20% dos sufraxios.
O BNG, que lidera nesta ocasión Constantino Alvite Muinelo, recupera o concelleiro que perdeu no 2019.
O gran damnificado das eleccións do 28 de maio foi o PSOE. Logo de gobernar durante catro anos en maioría relativa, tras un primeiro acordo de goberno con Vilalba Aberta, que se rompeu durante a pandemia, cae dos 8 aos 5 concelleiros. Perdeu uns 1.500 votos absolutos e pasou de ter o 43,45% ao 25,97% do apoio.
Con estes datos a Alcaldía de Vilalba segue no aire. Por unha banda, o PP reclama que sexa a lista máis votada a que goberne, para o que tería que ter o apoio dalgún dos tres partidos. A segunda opción que se manexa é que todos os grupos de esquerdas cheguen a un acordo.
Esta solución non é doada xa que PSOE e Vilalba Aberta xa conveniaron no 2019 pero non se mantivo e agora, co BNG na ecuación, sería moito máis complicado. Ademais quedaría a dúbida de quen ostentaría o bastón de mando final, xa que Modesto Renda considera desgastado ao PSOE pola caída de votos e aspira a ocupar ese lugar polo incremento de sufraxios cos que finalizou a sesión.
Polo tanto, todo queda aberto para constituír goberno, que ten como data final o 17 de xuño.