Vilalba únese á Campaña Contra a Fame 2025 de Mans Unidas

Mans Unidas de Vilalba informa que, durante a fin de semana do 8 e 9 de febreiro, terá lugar a 66ª edición da Campaña Contra a Fame. Baixo o lema deste ano, Compartir é a nosa maior riqueza, quérese destacar a importancia de colaborar para mellorar as condicións de vida de millóns de persoas no Sur. Este lema subliña o valor da solidariedade "para construír unha sociedade máis xusta e responsable".
Os fondos recadados nesta campaña destinaranse á mellora da prosperidade nas dimensións económica, familiar e social, buscando garantir que todas as persoas poidan desenvolver o seu potencial e vivir con dignidade.
A recadación realizarase a través das colectas das misas da igrexa parroquial o sábado 8, ás 19:30 horas e o domingo 9, ás 12:00 e ás 19:30 horas.
Ademais, destaca a continuidade da iniciativa do céntimo solidario, coas huchas en establecementos habituais, así como outras doazóns e actividades na Comarca. Na campaña de 2024, Vilalba contribuíu cun total de 4.745,66 euros á Diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Os proxectos financiados na campaña anterior inclúen a atención materno-infantil e apoio a mulleres vítimas de violencia en Mauritania (38.826 euros), a mellora da calidade de vida de nenas orfas no Sur do Líbano (10.000 euros), e a mellora do abastecemento de auga potable e hixiene en Mozambique (3.580 euros).
En 2023, Mans Unidas financiou 550 proxectos en 51 países, cun importe total de 40.734.648 euros, beneficiando directamente a 1.222.835 persoas.