Vilalba volverá pasear sobre dúas ou catro rodas

TerraChaXa
O tradicional Día da Bicicleta será o xoves 29 de agosto cun percorrido polas rúas da localidade
dia-bicicleta-vilalba
Día da bicicleta en Vilalba
28 Ago 2024

As Festas de San Ramón e Santa María de Vilalba acollen, un ano máis, o Día da Bicicleta, que chega á súa 28 edición.

Trátase dun arraigado evento que fomenta o deporte na rúa e a vida saudable, ademais de propiciar que a xente nova, os pequenos e os maiores compartan valores, actitudes, respecto e espírito de equipo.
Nesta cita, que está organizada polo Club Ciclista Terra Chá así como o Espazo Xove do Centro da Xuventude de Vilalba, os participantes farán un percorrido polas rúas de Vilalba con saída e chegada na praza da Constitución.

Será a partir das 19.30 horas e, como nas edicións anteriores, estará aberto a todos os aparellos de rodas que requiran do empuxe humano, como patíns, monopatíns, coches de nenos, etc.

Adoita ser un percorrido chan para facilitar a participación a todas as persoas e todas as resistencias físicas ademais de estar aberto como sempre a todas as idades e variables que non impliquen motor.
A saída situarase na praza da Constitución dende onde se concentrarán os e as participantes ata o momento da saída, que se realizará por rúa Basanta Silva para continuar por rúa da Pravia, á altura de Campo de Puente, seguirá por rúa de Muras, rúa de Cospeito, avenida Terra Chá, Xosé María Chao Ledo, rúa de Galicia, e praza Suso Gayoso para regresar de novo á praza da Constitución.

Pode inscribirse todo aquel que o desexe sen límite de idade no Espazo Xove (rúa Novo Cazón) ou a través do teléfono 982 828 340 de 18.00 horas a 21.00 horas ata o 29 de agosto inclusive, porque para poder optar aos agasallos que se sortean hai que estar inscrito, algo que non ten ningún tipo de custe.

No momento de facer a inscrición, que pode ser ata dúas horas antes do inicio, a organización entregaralle a todos e cada un dos participantes un dorsal co número e un boleto, que deberá entregalo á hora de saída e que lles dá dereito a poder entrar no sorteo de agasallos, que se darán á chegada entre os participantes inscritos.

Este concurso sempre causa atracción e cada ano aparece un concursante máis novo, chegando nunha ocasión a participar un pequeno con quince días que fixo o percorrido no seu carriño. Así mesmo, trátase dun evento solidario, xa que os participantes doan alimentos que son entregados ao banco de alimentos para a súa xestión.

AGASALLOS

Os agasallos que se sortearán este ano son unha bicicleta, unha televisión, un bono regalo para gastar en prendas deportivas, un par de patíns, dúas mochilas, un casco de ciclista, dous queixos de San Simón da Costa e dous roscóns típicos de Vilalba.
Coma noutras edicións haberá trofeos especiais para o participante de maior idade e ao de menor portado.

Nesta actividade colaboran o Espazo Xove de Vilalba, Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude de Lugo, colaboran o Concello de Vilalba, Policía Municipal, Protección Civil, Garda Civil, Club Ciclista Terra Chá e Club Tríatlon Vilalba.

CONSULTA O RESTO DO PROGRAMA NESTE ENLACE

0.17981719970703