Vilalba xa ten listo o proxecto para a mellora da EDAR
O Concello de Vilalba levará ao próximo pleno municipal o proxecto de renovación da EDAR, unha actuación fundamental para mellorar o saneamento municipal.
O investimento nesta actuación será de 1.680.000 euros. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) asumirá o 80% do orzamento e o Concello de Vilaba o 20% restante.
Vilalba conta cunha rede de saneamento que leva as súas augas residuais á estación de depuración de augas residuais (EDAR) de Os Pasos, a cal recibe un caudal en tempo de choivas que supera a capacidade de tratamento da mesma.
Para solucionalo, procederase co novo proxecto á construción dun tanque de tormentas e á ampliación da capacidade de pretratamento das augas na propia EDAR.
O tanque de tormentas terá unha capacidade de 1.000 metros cúbicos con dous vasos, mentres que o pretratamento ampliarase a 200 litros por segundo. A EDAR contará ademais cun novo colector de entrada e unha tolva para fango, novos equipamentos eléctricos, peches e pavimentos renovados.
“Un proxecto moi importante para Vilalba, que nos permitirá avanzar coa mirada posta en solucionar un problema recurrente que afecta, por un lado, ao noso medio natural, e por outro, a moitas familias de Vilalba”, explican Marta Rouco, tenente de alcaldesa, e Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas.
“Con esta actuación solucionaremos a problemática antiga e recurrente de verquidos que sufre o río Madalena”, engaden, antes de rematar lembrando que “este era un proxecto do ano 2015, pero o anterior grupo de goberno non se preocupou de levalo a cabo”.